domingo, 17 de marzo de 2013

Inicio de tempada no medio dun vertedoiro no corazón das Fragas do Eume

Hoxe comezou a tempada de troita.
En compaña de Dani, como skipper e coñecedor dos segredos do embalse do Eume, fumos facer unha prospección para ver como está a evolucionar esta masa de auga logo da contaminación química que durante a construcción da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64) arrasou todo signo de vida no tramo que vai dende a vila das Pontes ata a desembocadura.
Xa no ano pasado algúns coñecidos foran algo a pescar nel e algunha troita apañaran, polo que queríamos ver como andaban as cousas.
O día abreu fríoe con vento de NW o que non presaxiaba nada bó no tocante a capturas.

Non obstante a dia foi abrindo segundo avanzaba a mañá e foronse abrindo uns claros que daban alas á esperanza de tocar escama.
Xa navegando no interior das Fragas o de menos case é pescar, unha paisaxe tan impresionante e agreste, merece por si soa a visita. E se pican, pois bárbaro.
E dito e feito, as troitas comenzaron a picar á raiola do sol.
Primeiro saeu unha boa moza de entorno o medio Kg, seguida doutra mais menuda pero prateada como un reo
Pero todo paraiso ten o seu inferno, e creedeme, eu non estaba preparado para o que ía ver nesta mañá de pesca.
En pleno Parque Natural, protexido por non sei cantas normativas sectoriais, por unha lexislación impecable, por dúas dúcias de axentes, vixiantes de recursos, peóns forestais, e non sei cantos efectivos mais, a merda (perdón RSU, que é mais requintado e fino) enseñoreábase das beiras. Botellas, caixas de plástico, rodas e non sei cantas porcalladas mais marcaban o límite da liña de inundación do embalse, estes días a tope polo desxeo e as fortes choivas.
Podedes ver nestas fotos todo o que fixo que me caira a cara de vergoña e a alma ós pés.
E poidovos asegurar que estes residuos non son desta tempada. A formación (ou deformación) de arqueólogo  fai que un mire os obxectos cunha visión diferente e poidovos asegurar que algunha das botellas que aboian teñen mais de 20 anos (Son daquelas botellas de Cocacola cun fondo de plástico negro)
Persoalmente paréceme de risa, que se dote de medios e efectivos este Parque, para que despois unha parte significativa del estea nesta situación deplorabel.
Que pasa, o que non se ve dende a estrada de Caaveiro non é do Parque?
Voltaremos á situación aquela da crise química cado o sr. director do parque afirmaba que o parque eran as Fragas e que o que sucedía no río non era problema seu?
A ver se desta vez me engano e se pon remedio nun prazo de tempo razoable a este desatre medioambiental, que poñendo un par de embarcacións a traballar, nun prazo de dúas semanas debería estar listo.
Logo desta parte desagradable. Recollimos os atarekos e quedamos con outros amigos para xantar nas Pontes. E gracias á paciencia da xente de Casa Ana, que nos atenderon bárbaro, apesar de chegar a deshora, desfrutamos dunha churrascada das de libro.
Logo da paparota fumos darlle un rebaixón polas ribeiras da vila e o que vimos foi isto
O Eume ía alto, pero os efectos dos arrastres do Chamoselo aínda eran visibles. Non é o desatre dos días álxidos da contaminación química, pero os arrastres de piritas e hidroxidos de ferro aínda non remataron. O río aínda ten bastante que sufrir e penar.